Friday 19 de April de 2024

O xefe superior de Policía de Galicia foi recibido hoxe polo alcalde e visitou as oficinas de tramitación do DNI


A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo celebra este mes o seu sexto aniversario

O vindeiro luns 20 fará seis anos da apertura da Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo, unha oficina que achegou á cidadanía un servizo fundamental e que goza dunha excelente valoración por parte das persoas usuarias. Coincidindo con este sexto aniversario, o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez Nieto, achegouse hoxe ata Carballo para coñecer as instalacións.

Na súa primeira visita ao noso concello desde que tomou posesión do cargo, hai un ano, Ramón Gómez Nieto estivo acompañado polo xefe provincial de Policía da Coruña e pola secretaria xeral por ausencia da xefatura superior. Antes de visitar as oficinas do DNI, os tres foron recibidos na Alcaldía por Evencio Ferrero, que estivo acompañado polos concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas.
O xefe superior de Policía puxo en valor o traballo que está a desenvolver o persoal da unidade de Carballo, que situou entre as mellores de Galicia e como a mellor valorada. “Non temos unha soa queixa”, asegurou. Tamén agradeceu a colaboración do Concello para que o servizo poida prestarse nunhas instalacións que cualificou como “magníficas”.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a importancia do servizo para a poboación de toda a Costa da Morte e insistiu no bo facer do equipo humano adscrito á unidade. Precisamente, Ramón Gómez Nieto anunciou a inminente incorporación dun cuarto funcionario, moi necesario dada a alta carga de traballo que ten o servizo. De feito, a media mensual de documentos tramitados supera o millar.

Dende que abriu as súas portas, o 20 de marzo do ano 2017, a unidade leva tramitados máis de 80.000 documentos, entre DNI e pasaportes. Máis do 30% das persoas que utilizan o servizo residen no noso concello, e máis do 60% proceden dos municipios da nosa contorna. A de Carballo é a oficina de referencia para toda a Costa da Morte, pero tamén se achegan ata ela veciños e veciñas doutros puntos da provincia e numerosos residentes no estranxeiro, fundamentalmente emigrantes da zona noutros países que aproveitan as súas vacacións en Carballo e na comarca para renovar os seus documentos de identidade.

Se precisas utilizar o servizo lembra que é preciso pedir cita previa: ben presencialmente, ben de maneira telemática dende a páxina web www.citapreviadnie.es ou ben chamando ao teléfono 060.